A punto de comezar a campaña de poda en zonas verdes do concello de Carballo

A Brigada Municipal de Xardíns xa levou a cabo unha revisión previa das árbores de maior porte
Zonas verdes
Redacción WEB
Un especialista da poda en altura percorreu as zonas verdes do concello de Carballo a pasada semana. Foto: Concello de Carballo.

Carballo. A Brigada Municipal de Xardíns anticipou a campaña anual de poda, que normalmente empeza en novembro, cunha revisión das árbores de maior porte situadas en espazos públicos. Trátase dunha poda en altura, xa que os xardineiros teñen que traballar a moita máis altura da normal, polo que, ademais de saber utilizar as ferramentas de xardinería, é preciso saber trepar con seguridade polos troncos. Xardineiros especializados neste tipo de tarefas son os encargados da revisión de todas as zonas verdes.

O obxectivo da poda en altura é, por unha banda, favorecer o crecemento e o axeitado desenvolvemento da árbore, e, por outra, acceder a partes da copa nas que poida haber pólas en mal estado ou con risco de desprendemento, garantindo deste xeito a seguridade nos espazos de uso público.

Os traballos que se desenvolveron ao longo da pasada semana complementaranse neste mes de novembro coa campaña de poda e revisión de todas as zonas verdes do concello.