Aposta forte do Concello de Carballo pola compostaxe

Nos vindeiros días dispoñerán de 150 composteiros máis, dos cales 60 xa están reservados pola veciñanza // Segue a difundirse o programa “Ti tes a chave” buscando a colaboración na redución de residuos
Residuos
Redacción WEB
O Concello de Carballó seguirá repartindo composteiros individuais á veciñanza. Foto: Concello de Carballo.

Carballo. Un mes despois de repartir o último lote de 50 composteiros individuais, dende as concellarías de Medio Ambiente e Servizos ponse en marcha unha nova campaña para seguir estendendo a compostaxe doméstica no Concello de Carballo. Grazas á colaboración da Consellería de Medio Ambiente e da Unión Europea, en breve dispoñerán de 150 composteiros máis, que se sumarán aos 392 que se atopan xa a pleno rendemento nas distintas parroquias.

Esta nova partida permitirá atender as máis de 60 peticións que hai en lista de agarda e seguir incorporando máis, polo que dende hoxe mesmo está aberto o prazo de solicitude.

PROGRAMA DE COMPOSTAXE “TI TES A CHAVE”. A compostaxe doméstica permite ás familias da zona rural dispoñer dun abono de calidade para utilizar nas hortas domésticas. A maiores, no Concello tamén hai máis de 1.000 familias da zona urbana e máis de 100 establecementos que están a colaborar na redución dos residuos a través da participación no programa de compostaxe “Ti tes a chave”. As persoas interesadas poden achegarse de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas, ao local de Carballo Limpo (galerías da rúa Desiderio Varela, 34), e ademais mañá xoves, coincidindo coa celebración do mercado semanal, o posto informativo da campaña volverá a estar instalado na rúa Coruña en horario de 10:30 a 13:30.