Aprendendo a elaborar artes de pesca en Malpica

Artesanía
Jose Manuel Ramos
Participantes no acto inaugural do obradoiro impartido no Centro de Artesanía de Buño. Foto: Concello de Malpica

Malpica. O Centro de Artesanía de Buño (Malpica) acolleu onte un obradoiro de iniciación á confección e reparación das artes de pesca, promovido polo Concello.

O encontro comezou cun faladoiro baixo o título Introdución á elaboración de redes e outras artes de pesca e, despois, os asistentes participaron nunha visita guiada pola exposición As redeiras e o mar, que tamén se pode ver no centro de Buño.

O obxectivo desta iniciativa é “dar a coñecer un oficio fundamental no ámbito da pesca, un dos sectores máis importantes de Malpica”, segundo sinalan dende o Concello. Ao acto inaugural acudiron o alcalde malpicán, Walter Pardo; a concelleira de Cultura, Olería, Igualdade e Patrimonio, Leticia Varela, e o concelleiro de Promoción Económica e Benestar, Sergio García, entre outros.

A xornada completouse cunha visita ao porto de Malpica, que foi guiada pola presidenta da Asociación de Redeiras O Fieital, Ángeles Mille, quen conduciu tamén o faladoiro para dar a coñecer polo miúdo un oficio tradicional pero con moito futuro, que dá emprego maioritariamente a mulleres. J. M. R.