Aprobadas as obras de abastecemento e saneamento na parroquia de Berdillo

No concello de Carballo están en marcha varios proxectos do ciclo integral da auga por máis de 2,5 millóns de euros
Contratación de obras
El Correo Gallego
O alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro e a concelleira de Contratación, Milagros Lantes nunha vista ás obras en Taboada. Foto: Concello de Carballo.

Carballo. O goberno local aprobou na súa última xuntanza o expediente de contratación das obras de saneamento e abastecemento aos lugares do Curro, Aseñado, A Chavella, O Alto e A Redonda, coas que se dará servizo a un total de 32 vivendas e completaranse as redes na parroquia de Berdillo. O investimento acada os 275.000 euros, e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o día 27 deste mes.

Nestes momentos temos en marcha obras hidráulicas por máis de 2,5 millóns de euros. Nos próximos días serán adxudicadas, tras a reunión da mesa de contratación, outras dúas actuacións.

A primeira delas será a ampliación das redes de saneamento e abastecemento no lugar de Vella Morta cun orzamento de 125.400,09 euros. Esta obra permitirá dar servizo ás vivendas situadas na estrada Carballo-Razo e renovar un treito que está moi deteriorado. En total instalaranse 525 metros de rede e 14 pozos de rexistro, así coma un bombeo. As obras tamén inclúen a rede de abastecemento de auga, en dous ramais de 443 e 14 metros de lonxitude ao longo da estrada provincial, e tamén unha boca de rego.

A segunda, será o abastecemento de auga dende Santa María de Ardaña ata Canosa (Rus), na que o orzamento é de 323.203,69 euros. As actuacións propostas benefician a unha poboación de 474 habitantes no horizonte do ano 2030, xa que o proxecto permitirá abastecer de auga potable a través dunha rede pública os lugares da Igrexa, Quintáns, Barís, O Val, O Pedreiro e Canosa. En total instalaranse 8.635 metros de tubaxes.

EN EXECUCIÓN. Unha das melloras que se atopa case lista é o saneamento de Taboada e A Granxa (Entrecruces) realizada pola empresa Excavaciones y Obras Candal. O proxecto está practicamente listo, como puideron comprobar hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Contratación, Milagros Lantes, nunha visita ás obras. A actuación incluíu a instalación de 846 metros de canalización e 26 pozos de rexistro en Taboada, mentres que na Granxa colocáronse 822 metros de rede, 35 pozos e un bombeo. En ámbolos dous casos están a facerse as reposicións correspondentes nas vías afectadas.