Avanza a campaña de roza nas vías asfaltadas de Cabana

As tarefas comezaron o día 1 de xuño co propósito de rematar antes do verán
Vías
Redacción WEB
Limpeza de cunetas en vías cabanesas. Foto: C. de Cabana.

Cabana. O Concello de Cabana arrincou o pasado martes 1 de xuño coa campaña de roza na rede de pistas asfaltadas de titularidade municipal. Segundo informan dende o consistorio, a idea é avanzar con estas tarefas nas vindeiras semanas para ter a punto de cara a tempada estival o sistema de conexión viaria urbana e interurbana.

Operarios especializados e o equipo técnico son os encargados das tarefas de limpeza. Empregan varias máquinas desbrozadoras con brazo retráctil para as zonas máis complicadas e máquinas de man para finalizar os traballos e a posta a punto destes espazos.

O alcalde de Cabana, José Muíño, comentou que “é tremendamente importante contar cun sistema de rede viaria adecentado e sobre todo de cara ao verán, onde recibimos a moitos visitantes pero nunhas estradas polas que ademais circula toda a veciñanza de Cabana”. A maiores recalcou que é relevante “prever un mantemento periódico para que estas accións sexan continuadas”.