Avanzan a bo ritmo os traballos na contorna da igrexa de Rus

Estase a realizar a pavimentación da zona de acceso que estaba moi deteriorada tras as obras previas de soterramento dos cables
Obras
Redacción WEB
Visita do alcalde Evencio Ferrero, xunto aos concelleiros Luis Lamas e Juan Seoane ás obras de pavimentación na zona de acceso á igrexa de Rus.

Carballo. A igrexa parroquial de Santa María de Rus está considerada como a de maior valor arquitectónico do concello de Carballo e un dos exemplos máis importantes do barroco na comarca de Bergantiños. Recollendo a petición do Consello Parroquial, o ano pasado procedeuse ao soterramento do cableado que afeaba o edificio. Só queda pendente a retirada dos postes por parte de Telefónica.

Neste momento está en execución outra actuación dentro do proxecto de mellora de espazos singulares nas parroquias de Oza, Artes e Rus. Trátase da pavimentación da zona de acceso á igrexa, que estaba moi deteriorada tras as obras de soterramento dos cables, co propósito de que se poida disfrutar da súa contorna.

A empresa Vázquez y Reino traballa estes días nas obras de pavimentación, nas que se utilizarán como materiais principais o cemento e a lastra. Na colocación desta última estaban a traballar os operarios durante a visita que veñen de realizar o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e o de Seguridade e Mobilidade, Juan Seoane.