Cabana licita o servizo de axuda no fogar para os vindeiros tres anos

Prestará asistencia a usuarios da liña de dependencia e tamén aos de nivel básico
Servizos Sociais
El Correo Gallego
Casa consistorial de Cabana de Bergantiños. Foto: C. C.

Cabana. O Concello de Cabana licita o Servizo de Axuda no Fogar por unha cantidade de 2.727.178,63 euros. A finalidade é mellorar a calidade de vida das persoas que requiren de apoio para a realización das tarefas básicas da vida diaria. O contrato terá unha duración de tres anos, prorrogables a dous máis.

O alcalde, José Muíño, destaca a importancia de que “Cabana conte cun servizo de este calado”, que repercutirá positivamente no “benestar de todas aquelas persoas que o precisen”, recalca o rexedor.

A atención ás persoas usuarias da liña de dependencia será desde as 8:00 ás 22:00 horas, de luns a domingo e incluídos os festivos, namentres que na liña de SAF básico, a atención será de 8:00 a 20:00 horas, de luns a venres excepto os días festivos. O prezo da hora no formato de libre concorrencia será de 21,43 €, e na liña de dependencia, de 20,26 €. O importe do contrato está determinado pola suma de todos os servizos executados e facturados pola empresa adxudicataria, e non se poderán superar, en todo caso, o número máximo de horas, estipulado en 19.935 no ano.

O SAF está dirixido as persoas ou unidades de convivencia para que, dada a valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención.

Son, polo tanto, potenciais usuarios e usuarias as persoas maiores con déficits de autonomía ou con diversidade funcional, especialmente cando carezan de apoio na súa contorna; os fogares con menores nos que se observe unha necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo; familias en risco de exclusión social ou desestruturación; persoas ou grupos de convivencia con excesivas cargas ou, en xeral, cando exista unha situación de desatención social ou familiar, sempre avaliada tecnicamente.

O equipo de goberno apunta á relevancia de “dotar á veciñanza de ferramentas de carácter social para cubrir necesidades de primeira liña, obxectivo prioritario para nós e polo que seguiremos traballando”.