Carballo convida a beber auga da billa e a reducir plástico

Fomentarán o seu consumo nos fogares e nos edificios públicos // Darán botellas de vidro
Servizos
Jose Manuel Ramos
Presentación da campaña na histórica fonte da Praza de Galicia de Carballo. Foto: C. C.

O Concello carballés, coa colaboración de Gestagua, impulsará unha campaña de promoción do consumo da auga da billa en todos os ámbitos. “Queremos decirlle á xente que confíe na auga de Carballo, porque está perfectamente controlada desde o punto de vista sanitario e problemente é unha das mellores da zona”, apuntou Benigno López, xefe de servizo da empresa concesionaria.

Para que sexa aínda mellor, antes dun mes porán en marcha un sistema de tratamento con gas ozono, que permitirá reducir o uso do cloro, o que redundará “nunha mellora do olor e do sabor”, engadiu.

O alcalde carballés, Evencio Ferrero, declárase un fiel consumidor de auga da billa de toda a vida, e asegura que “se seguimos mellorando certos aspectos como o olor e o sabor, estupendo; pero, en calquera caso, sempre foi unha auga de moita calidade”.

A presentación da campaña tivo lugar onte, coincidindo co inicio dalgunhas actividades que se van levar a cabo nas vindeiras semans para intentar chegar a toda a poboación. Escolleron como escenario para o acto a histórica fonte da Praza de Galicia, que foi a primeira traída de auga de Carballo “e queremos convertela no símbolo da calidade da nosa auga”, aseguran dende o Concello. Suliñan ademais que a auga é un ingrediente fundamental da fama do pan local.

A campaña tamén terá un importante contido medioambiental, xa que paralelamente trátase de reducir o uso do plástico, afirman dende o Concello. Nese sentido, e para dar exemplo, nas vindeiras semanas tamén se realizará a instalación de fontes de auga da billa nos edificios públicos e repartirán botellas de vidro ao persoal municipal. A maiores, onte arrancou unha campaña específica para o alumnado de primaria, con actuacións teatrais para incidir na redución do uso do plástico entre os máis novos.