Carballo difundirá a campaña “Non máis minas polas rúas” no Día Mundial do Medio Ambiente

Trata de mentalizar sobre a obriga de recoller as defecacións dos cans en espazos públicos // Presentarase na contorna da urbanización de Riotorto
Medio Ambiente
Redacción WEB
Carballo aposta por manter as rúas libres de residuos. Foto: C. de Carballo /Arquivo

Carballo. Con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, o 5 de xuño, dende o Concello de Carballo organizan unha iniciativa co propósito de que as persoas que posúen cans recollan os seus excrementos.

Segundo informan dende o consistorio, a presenza de feces nas beirarrúas e nos parques é uha das queixas máis reiteradas por parte da poboación, ademais de supoñer un problema para o persoal do servizo de limpeza viaria. Deste xeito, dentro das actividades “Eu quero a Carballo”, no ano 2019 realizaron un reparto masivo de dispensadores de bolsas para correas, ao que agora se suma a instalación de novas papeleiras que tamén inclúen dispensadores de bolsas. Ademais desta acción, que conta coa colaboración de Aspaber UTE, para reforzar a mensaxe da importancia de manter as rúas libres de residuos, difundirase o vídeo “Non máis minas polas rúas”, realizado pola compañía de teatro Galeatro, no que, en clave de humor, se trata de mentalizar aos propietarios e propietarias de cans que non respectan a súa obriga de recoller as defecacións das súas mascotas.

A presentación da campaña terá lugar este sábado nunha das zonas verdes da urbanización de Riotorto (43.219322, -8.693743), nun acto destinado ao público infantil. Ademais da proxección do vídeo elaborado por Galeatro, os nenos e nenas poderán ver unha película infantil de animación con temática medioambiental. Dada a situación sanitaria, o número de prazas é limitado e a asistencia confirmarase previamente a través do enderezo electrónico comunicacion@carballo.gal. O prazo rematará o venres ás 14:00 horas.