Carballo organiza o Día sen coche e andainas na semana da mobilidade

Semana Europea de Mobilidade
ARCA
Juan Seoane, esq., e Evencio Ferrero sa presentación. Foto: C.C.

carballo. Carballo é unha das 430 cidades españolas e das 2.217 de todo o mundo que participan na Semana Europea da Mobilidade, unha iniciativa da Comisión Europea para promover o cambio de comportamento en favor dunha mobilidade activa e de solucións de transporte limpas e intelixentes. A Semana Europea da Mobilidade celébrase do 16 ao 22 de setembro, e ao longo deses días desenvolveranse diferentes iniciativas que presentaron o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e o alcalde, Evencio Ferrero. Os dous destacaron e agradeceron a implicación cada vez maior do movemento asociativo, que este ano está representado pola Asociación contra o Cancro, a asociación de veciños Santiago Apóstol de Sísamo, a asociación ambiental Senda Nova, Íntegro e o Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino, que coordinará boa parte das actividades. Un ano máis haberá andainas, rutas en bicicleta, xornadas lúdicas, chequeo da accesibilidade, promoción da mobilidade sostible para accións tan cotiáns como ir traballar ou mercar á feira e o Día sen coches. Nalgunhas desas actividades requírese inscrición previa. O prazo está aberto xa e os interesados poden anotarse online cubrindo o formulario na Biblioteca Rego da Balsa. arca