Carballo pon o foco nos parques da zona urbana

Obras
Claudina Estévez
Evencio Ferrero, segundo pola esquerda, e Marcos Trigo, visitando as obras. Foto: C. Carballo

CARBALLO. A alta intensidade de uso que teñen os parques infantís da zona urbana de Carballo non só obriga a realizar un mantemento constante, senón tamén á súa actualización periódica. O Concello explica que hai que renovalos, pero tamén facelos accesibles para todos os nenos, e crear espazos de convivencia. É por iso que dende o goberno local están a impulsar unha rede de parques integradores “na que xa temos consignado un investimento inicial de case un millón de euros”, din. Con esa filosofía xa está en execución un proxecto de renovación integral dos parques do Chorís e da Praza do Hospital, “nos que realizaremos un investimento de 106.003,78 euros procedentes dos recursos municipais”, apuntan ao respecto fontes municipais. A actuación afectará tanto ao recinto como aos xogos infantís, varios deles inclusivos. Tamén se acometerá a reforma dos parques das prazas do Concello, de Eduardo Pondal e da Milagrosa. C. E.