Carballo socilitará axudas á Xunta para levar a cabo dous obradoiros de emprego

Será formación en cociña e atención sociosanitaria // Nos dous proxectos investiraranse máis de 650.000 euros
Axudas
Redacción WEB
Carballo aposta por poder ofrecer un obradoiro de cociña á xente nova. Foto: C. de Carballo.

Carballo. A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria deste luns, que se celebrou de maneira telemática, dúas solicitudes de subvención á Xunta de Galicia para dúas accións formativas. Por unha banda, solicita apoio para o obradoiro dual de emprego “Carballo Coida”, destinado á formación de 20 alumnos/as traballadores/as durante nove meses na especialidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, e, por outra, para o programa de emprego de garantía xuvenil “Carballo entre fogóns”, no que poderían formarse 12 mozos e mozas durante doce meses na especialidade de Cociña. O investimento previsto polo Concello carballés nestes dous proxectos de formación e inserción laboral supera os 650.000 euros.

OUTRAS SOLICITUDES. O goberno municipal tamén deu luz verde a dúas solicitudes de subvención á Deputación da Coruña: 10.000 euros para o mantemento dun posto de traballo de técnico municipal de animación sociocultural e 20.000 euros para o mantemento do Conservatorio Profesional de Música. Así mesmo solicitan apoio á Consellería de Cultura, Educación e Universidade para a adquisición de novidades editoriais para as bibliotecas do termo municipal.