Case 1.500 familias de Carballo apostan xa pola compostaxe de residuos

Repartirán 50 novos composteiros individuais a partir do luns // Máis de 1.000 vivendas sumáronse ao plan Ti tes a Chave
compostaxe
Jose Manuel Ramos
Composteiro nunha parcela dunha vivenda carballesa que participa do plan de selección de biorresiduos en orixe. Foto: C.C.

A compostaxe segue sumando usuarios en Carballo e nestes momentos son xa case 1.500 as familias que participan na selección dos biorresiduos en orixe, tanto a través do programa urbano Ti tes a Chave (máis de 1.000 vivendas e 100 establecementos) como do programa de reciclaxe doméstica individual que funciona dende hai varios anos na zona rural e no que están implicados 342 fogares.

A partir do vindeiro luns sumaranse outros 50, xa que o Concello carballés, en colaboración con Sogama, comezará o reparto dun novo lote de composteiros. Entregaranse por orde de solicitude e as persoas interesadas poden seguir enviando a súa petición a través do rexistro municipal, xa que “a intención da área de Servizos é seguir atendendo todas as peticións”, sinalan dende o goberno local.

Nesta ocasión repartirán 50 composteiros de 390 litros de capacidade fabricados con materiais reciclados e reciclables. Para falicitar o seu uso, o Concello iniciará o reparto de aireadores, que irán chegando nas vindeiras datas ás 392 vivendas da zona rural adheridas ao programa de compostaxe doméstica.

A iniciativa está tendo unha moi boa valoración por parte dos usuarios e, segundo afirman dende o Concello, “un indicador máis do éxito da compostaxe no municipio é que o índice de uso dos composteiros acada o 92 %”.

Xunto aos devanditos medios para compostar, que se entregan de balde, as persoas participantes tamén reciben un manual didáctico de apoio con respostas ás preguntas máis frecuentes e consellos para conseguir un abono de alta calidade. Se alguén precisa máis recursos pode acceder a eles na web www.compostaconsogama.gal.

O Concello de Carballo foi un dos pioneiros na recollida selectiva da fracción orgánica coa posta en marcha do programa Ti tes a Chave, que segue recibindo adhesións e supera xa as 1.000 vivendas. As persoas interesadas en sumarse a esta iniciativa poden achegarse de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas, ao local de Carballo Limpo, situado no número 34 das galerías da rúa Desiderio Varela. Na comarca de Laracha tamén implantou esta iniciativa o Concello da Laracha.