AXUDAS. Manténse o orzamento do ano pasado para que os concellos poidan crear e reformar instalacións e equipamentos para prestar servizos // Rueda supervisou en Cabana os traballos acometidos no polideportivo de A Carballa TEXTO J. M. Ramos

Catro millóns para mellorar as infraestruturas de uso público

Infraestruturas
Jose Manuel Ramos
José Muíño, Alfonso Rueda e Gonzalo Trenor no polideportivo de Cabana. Foto: Concello de Cabana

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este mércores, día 20, unha nova convocatoria da Orde de infraestruturas de uso público dirixida aos concellos para que poidan crear e mellorar infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. No 2021 manténse o orzamento de catro millóns de euros, despois de que fose incrementado o pasado ano nun millón de euros.

Así o confirmou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, durante a súa visita a Cabana de Bergantiños para supervisar os traballos acometidos no pavillón polideportivo de A Carballa cunha axuda autonómica de 40.000 euros.

Esta liña de axudas está dirixida aos concellos galegos de menos de 30.000 habitantes e con elas financiarase ata o 80 % do custe dos proxectos para os que se solicite a financiación, cun máximo de 40.000 euros para os municipios que presenten a solicitude de xeito individual e ata 50.000 € para aqueles que acometan iniciativas conxuntas.

En concreto, con estas subvencións os concellos poderán construir, ampliar ou mellorar as redes do alumeado público; parques infantís, incluíndo a posta en marcha de parques cubertos ou a cubrición dos xa existentes; así como edificios e dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais e instalacións deportivas de uso público. Nestes espazos tamén se apoiará a mellora da accesibilidade e a dotación de equipamentos.

Unha das novidades na liña de axudas convocadas para o ano 2021 é que a Xunta primará os proxectos de accesibilidade aos edificios e instalacións deportivas municipais.

Rueda destacou na capital cabanesa o compromiso da Xunta por manter o apoio que precisan os municipios para levar a cabo actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas e, sobre todo, “a paliar as consecuencias económicas da crise sanitaria da COVID dos concellos en canto á prestación de servizos”.

O vicepresidente primeiro, que estivo acompañado polo alcalde de Cabana, José Muíño, e polo delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, lembrou que a Administración autonómica leva investidos máis de 704.300 euros no municipio cabanés nos últimos anos. Un investimento que se centrou en melloras ambientais e de infraestruturas públicas, entre as que se inclúen as actuacións acometidas no pavillón polideportivo da capital municipal.

Os traballos foron financiados nun 61,33 % pola Xunta e contaron cun orzamento total de 63.223,91 euros. As intervencións que tiveron lugar no edificio que alberga o pavillón, a piscina climatizada e o ximnasio, ademais do auditorio municipal, centráronse no cambio das portas de acceso exteriores, a reposición dos canalóns de recollida das augas pluvais, o arranxo das cubertas e o cambio da tarima dunha das salas por outra máis resistente, de PVC, segundo informan dende o Concello de Cabana.

Ademais, instalaron canastas de minibasket e asentos nas bancadas, co obxectivo de favorecer e seguir promovendo a actividade deportiva entre a veciñanza deste municipio bergantiñán.