Concentración en Laxe para demandar máis persoal para o CPI Cabo da Area

A ANPA convocou aos pais, nais e veciños este venres na Praza dos Voluntarios
Educación
Jose Manuel Ramos
A concentración será na Praza dos Voluntarios de Laxe

A Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) do CPI Plurilingüe Cabo da Area, de Laxe, convocou para este venres, día 18, unha concentración de protesta ás 19.00 horas na Praza dos Voluntarios para demandar á Consellería de Educación o persoal necesario para garantir o cumprimento do protocolo anti-covid-19.

Concretamente solicitan dúas coidadoras para atender aos nenos con necesidades educativas especiais, persoal para desdobre en Secundaria, un só mestre de Relixión, que no sexa compartido con outros centros, e máis persoal de limpeza, “dado que o actual é insuficiente”.

Ademais, o equipo directivo do colexio, o claustro de profesores e a propia ANPA remitiron un escrito conxunto ao Servizo de Inspección Educativa e á Xefatura Territorial da Consellería de Educación no que detallan as súas reivindicacións.