Conclúe unha nova edición do Meniñeiro en Cabana

A iniciativa tivo lugar os días 29,30 e 31 de marzo co obxectivo de facilitar a conciliación familiar // As boas condicións meteorolóxicas permitiron realizar actividades no exterior
conciliación
Redacción WEB
Nenos e nenas durante unha das xornadas do Meniñeiro que se levou a cabo a semana pasada. Foto: C. de Cabana.

Cabana de Bergantiños. O Concello de Cabana celebrou un novo Meniñeiro durante a época non lectiva da Semana Santa. Os días 29, 30 e 31 de marzo, nenas e nenos de entre 3 e 12 anos participaron en actividades nas que se trataron os valores da igualdade nunha iniciativa de conciliación familiar.

A maior parte dos xogos e tarefas realizáronse na Casa da Cultura, aínda que o bo tempo permitiu que a rapazada puidera gozar do aire libre xunto aos seus monitores e monitorias. Divididos en dous grupos, realizaron traballos manuais, xogos deportivos e exercicios no exterior sempre adaptados ás súas idades.

O rexedor de Cabana, José Muíño, destacou a inmediatez “coa que se completan as prazas dispoñibles en cada nova convocatoria do Meniñeiro, unha mostra innegable de que a iniciativa funciona e dá bos resultados tanto para o Concello como para as familias.”