Convenio entre Laxe e a Deputación para dar pulo ao ámbito turístico

Turismo
C.G.
Xosé Regueira, á esquerda, e José Luís Pérez. Foto: Deputación

Laxe. A Deputación da Coruña subvencionará con 20.000 euros a revitalización dos recursos e servizos turísticos do Concello de Laxe en 2022. O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e o alcalde laxés, José Luís Pérez Añón, asinaron o convenio cuxa achega permitirá o financiamento da programación de actividades de turismo activo (como piragüismo, paddle surf, sendeirismo, zumba, pilates e ioga) e outras propostas socioculturais, educativas, ou medioambientais. O proxecto tamén contempla a edición e deseño gráfico de publicacións, cartelaría, folletos e guías; accións de márketing en liña e contratación de relatores, técnicos e profesores. “Desde Turismo da Deputación seguimos apostando por fomentar a colaboración coas administracións locais para o desenvolvemento de proxectos comúns que contribúan á mellora dos recursos turísticos provinciais”, sinalou o vicepresidente provincial. O municipio está directamente vinculado a un sector que se considera esencial dentro das políticas públicas do Concello de Laxe, en base á súa declaración oficial como Municipio Turístico Galego, aos índices crecentes tanto de demanda coma de oferta turística, e ao peso obxectivo que este sector ten sobre a economía local. c.g.