Críticas do BNG ao goberno de Laxe por non pedir a axuda para persoal de turismo

Turismo
Redacción WEB
Punto Municipal de Información Turística de Laxe. Foto: D. C.

O portavoz do BNG de Laxe, Xosé Manuel Pose, asegura que, “sorprendentemente, e por primeira vez en moito tempo, o goberno do PP non solicita a subvención da Deputación para financiamento do gasto de persoal das oficinas de turismo, a pesar de ser un concello de interese turístico debido á afluencia de visitantes, os atractivos turísticos do destino e os servizos públicos dispoñibles, así como contar cun PMIT (Punto Municipal de Información Turística) que case sempre funcionou no verán grazas a esta axuda”

Os nacionalistas preguntanse cales son os motivos e consideran “unha falta total de interese pola materia, “cuestión que xa se veu reflexada na paralización do pioneiro e único proxecto de desestacionalización do turismo na Costa da Morte e mesmo na Galiza, o proxecto reLAXEse, emprendido polo noso portavoz á fronte de Turismo Laxe na anterior lexislatura e que contaba para o novo goberno co apoio da Deputacion”. Denuncian ademais o propio abandono exterior no que se atopa o punto de información “cos vinilos decorativos deteriorados ou o zócalo exterior de madeira bastante abandonado”.

Pose asegura que dos 17 concellos que compoñen o xeodestino Costa da Morte, ademais de Laxe, tampouco solicitaron a subvención Cabana de Bergantiños, Coristanco e Mazaricos. “E dos tres concellos que contan coa calificación de interese turístico só Laxe non a solicita, os outros dous, Corcubión e Fisterra sí o fan”, conclúe.