Entregados os premios do concurso de escaparates do Nadal en Malpica

Gañou Floristería Lolita // O xurado tivo dificultades para outorgar os galardóns tendo en conta “o alto nivel deste ano”
Comercio local
Redacción WEB
Escaparate de Floristería Lolita, vencedora do concurso de escaparates de Nadal. Foto: C. de Malpica.

Malpica. O Concello malpicán entregou os premios aos locais participantes no Concurso de Escaparates Nadal 2020. Desde o xurado, composto polos concelleiros Sergio García e Alfredo Cañizo, ademais de pola técnico de Turismo, destacaron “o alto nivel deste ano, coas conseguintes dificultades á hora de valorar a quen lle ían ser outorgados os galardóns”.

Finalmente, Floristería Lolita foi a mellor valorada. O segundo premio foi para o salón de peiteado Ana Ures, mentras que Calzados LC recibiu o terceiro. A valoración dos escaparates fíxose sobre unha cualificación total de 50 puntos e tendo en conta os seguintes criterios de avaliación: calidade artística, composición, creatividade, orixinalidade e iluminación e utilización de elementos tradicionais do Nadal.

O primeiro premio consta de 300 euros, o segundo de 200 euros e o terceiro, de 100 euros. Participaron, ademais, o salón de peiteado Espellos, Tía Carmen, Cartafol, Floristería Mayca, Xoiaría Pallas e Lolas, a quen desde o Concello lles agradecen “a súa participación neste concurso, por elevar o nivel e por darlle un toque de alegría a uns tempos moi complexos”, inciden.