Iníciase o servizo de socorrismo e salvamento na praia de Caión

Son un total de oito efectivos, que serán complementados posteriormente con dous máis // Mediante concurso-oposición contrataranse cinco peóns e dous capataces para a limpeza do areal e arredores
Praias
Redacción WEB
Socorristas da praia de Caión xunto ao alcalde larachés (dereita) e os concelleiros José Ramón Martínez e Rocío López. Foto: C. de Carballo.

A Laracha. Coa chegada do verán, o Concello larachés pon en marcha determinados servizos municipais –mantemento do estado de zonas verdes e dos espazos públicos en xeral, prevención de incendios e atención aos turistas e visitantes– creando en torno a cincuenta postos de emprego.

Dende este martes está operativo o servizo de socorrismo, salvamento, vixilancia e primeiros auxilios na praia de Caión con oito efectivos, que serán complementados con outros dous máis a través da convocatoria de axudas da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia para o fomento do emprego e a mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais. Parte do equipo recibiu este día a benvida do alcalde, José Manuel López Varela, e dos concelleiros José Ramón Martínez e Rocío López.

Nese mesmo areal en próximas datas haberá outros sete traballadores formando a cuadrilla municipal que se encargará da limpeza por medios manuais e mantemento da praia, as súas instalacións e o entorno –vías, rúas e zonas verdes-. Unha vez rematado o prazo de presentación de instancias, e á espera da publicar as listaxes provisionais de admitidos e excluídos, son un total de 35 persoas as que formarán parte deste procedemento de selección de persoal, das cales 25 aspiran aos 5 postos de peón e outras 10, aos 2 postos de capataz.

En ambos casos os contratos terán unha duración de tres meses. O sistema de selección será mediante concurso-oposición. Na fase de concurso valorarase a experiencia profesional, a formación e estar en posesión de permisos de condución. Na fase de concurso realizarase unha proba práctica centrada na destreza de cada aspirante no desenvolvemento da tarefa. Ademais, deberán superar a correspondente proba de coñecemento da lingua galega en caso de non estar en posesión do certificado Celga 1 ou equivalente.

Estes sete traballadores reforzarán o servizo que vén realizando na praia de Caión e no seu entorno unha empresa contratada polo Concello para ese fin. Nos próximos anos estas actuacións mecanizadas xa estarán incluídas no contrato do servizo de limpeza viaria que está actualmente en licitación e será adxudicado en próximas datas.