Instálase en Paiosaco o quinto parque biosaudable do Concello larachés

Está situado na zona da Porta Santa, preto do centro sociocultural // O rexedor e a concelleira de Deportes visitaron hoxe este novo equipamento que xa permanece aberto ao público
Instalacións deportivas
Redacción WEB
O rexedor larachés, José Manuel López Varela, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello comprobando o circuíto biosaudable instalado en Paiosaco. Foto: C. da Laracha.

A Laracha. O Concello da Laracha vén de crear e abrir ao público un parque biosaudable en Paiosaco, concretamente na zona da Porta Santa, nunha parcela de titularidade municipal moi próxima ao centro sociocultural da vila. O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello, comprobaron esta mañá o resultado da actuación realizada nos últimos días.

Este é o quinto circuíto biosaudable dispoñible no termo municipal. Os outros catro sitúanse na área recreativa de Gabenlle, no parque Maximino Canedo (A Laracha), no paseo marítimo de Caión e na urbanización Monte Claro (Cabovilaño).

Os obxectivos fundamentais do Concello coa instalación dos parques biosaudables son influír positivamente sobre as persoas maiores para conseguir cambios efectivos nos seus hábitos de vida, evitar o deterioro psicomotor coa práctica de actividade física e, entre outros, ampliar a oferta de instalacións deportivas que existe no termo municipal.