Íntegro celebrará o sábado o seu 30 aniversario cunha xornada de portas abertas en Nantón

Aniversario
Claudina Estévez
Cartel informativo da xornada. Foto: Íntegro

Cabana de Bergantiños. Dentro da programación conmemorativa do seu trinta aniversario, a asociación Íntegro celebrará o vindeiro día 30 unha xornada de portas abertas no Centro de Recursos de Nantón, en Cabana de Bergantiños, para dar a coñecer a toda a veciñanza tanto as súas instalacións como as diferentes actividades que desenvolve ao longo do ano. Baixo o lema Todos e todas sumamos, a mencionada entidade pretende involucrar e sensibilizar á cidadanía para camiñar xuntos na inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional da comarca da Costa da Morte.

A xornada arrancará ás 11.00 con actividades para todos os públicos. Desde primeira hora, nenos e maiores poderán desfrutar elaborando os seus propios xabóns, chapas e pulseiras nos diferentes obradoiros que se levarán a cabo e nos que contarán coa axuda de usuarios e monitores do centro ocupacional. E para promover a conciencia ambiental dos asistentes, tamén haberá talleres de reciclaxe de plásticos. A través do programa Diversiplás daranse a coñecer os diferentes tipos de residuos e o proceso de reciclaxe. Haberá ademais lugar para o deporte. C. E.