Laracha suma zona azul libre

Marcan outras trinta e cinco plazas nas rúas Epifanio Campo, Santa Lucía e Suíza, no entorno do centro de saúde e do PAC
Prazas de aparcamento
F.R. Garabato
AMPLIACIÓN. Nova zona azul na rúa Suíza. Foto: C. Laracha

Nos espazos de aparcamento das rúas máis céntricas e transitadas do núcleo urbano da Laracha está establecida a zona azul gratuíta, un sistema que limita o aparcamento a hora e media durante as mañás de luns a venres coa finalidade de favorecer a rotación dos vehículos.

O Concello está a ampliar a zona azul gratuíta no entorno do centro de saúde e do Punto de Atención Continuada para facilitar o estacionamento aos usuarios desas instalacións. Así, están a ser marcadas con dita cor 35 novas prazas de aparcamento públicas situadas nunha das marxes das rúas Santa Lucía e Suíza e tamén nun sector da rúa Epifanio Campo.

Os traballos completaranse coa instalación da sinalización vertical informativa.

A zona azul da Laracha está en vigor de luns a venres (excepto festivos) exclusivamente en horario de mañá, de 09.00 a 15.30. Permite o estacionamento de xeito gratuíto, pero limitado a un tempo de 90 minutos. Cada condutor debe colocar nun lugar visible do vehículo calquera medio que permita comprobar a hora de chegada.

A ordenanza municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria establece que están exentos das limitacións da zona azul os automóbiles particulares que dispoñan da tarxeta de mobilidade reducida e tamén os vehículos con licenza municipal para actividades específicas de ocupación de vía, de entidades públicas adscritos á defensa e á seguridade cidadá, de emerxencia e as ambulancias.