Laxe ultima os preparativos para acoller a celebración patronal durante catro días

O foco está posto no seu emblemático simulacro do naufraxio, que celebrará este ano o 60 aniversario
Festa
C.G.
A orquestra D’Noche o pasado 6 de agosto en Sofán. Foto: F.D.

Laxe. A vila de Laxe ultima os preparativos para acoller as súas festas patronais, que terán lugar do 14 ao 17 de agosto, co foco posto no seu emblemático simulacro do naufraxio, que na última xornada celebrará o seu sesenta aniversario cunha homenaxe ao seu creador: Avelino Lema Santos.

As celebracións arrancarán este domingo 14 cunha sesión vermú que se estenderá desde as 14.30 ás 19.00 horas e que correrá a cargo do Dúo Sesión e a macro discoteca móbil Impacto, que tamén será a encargada de amenizar a noite xunto á orquestra Los Coleguitas.

O luns 15 haberá pasarrúas coa banda de música Eduardo Pondal de Ponteceso e unha dobre sesión vermú coas orquestras Magos de España e Estrella Mar. Esta última

formación tamén actuará pola noite xunto con Borja DJ, quen ademais animará a tarde na cantina a partir das 16.30 horas. O martes 16 a festa comezará co pasarrúas da banda de gaitas Maruxía, dando paso a unha sesión vermú a cargo de Borja DJ e Noche de Estrellas. A formación tamén amenizará a verbena xunto co Dúo D’Festa e tamén a discoteca móbil Impacto.

O mércores 17 será o último día destas festividades, sendo ademais a xornada máis importante das mesmas ao celebrarse a sesenta edición do tradicional Simulacro do Naufraxio, que xa foi declarado de Interese Turístico de Galicia.

O Concello colabora coa Confraría de Pescadores nunha programación especial que contará con pasarrúas a cargo da Banda de Música de Cee. Posteriormente terá lugar unha homenaxe a Avelino Lema Santos, creador do naufraxio. Haberá misa na honra á Virxe do Carme e Salve Mariñeira a cargo de Antonio Barros en homenaxe a todos os náufragos dos mares.

Retomando o programa máis festivo, a sesión vermú comezará ás 14.45 con D’Noche, mentres que ás 16.00 horas Borja DJ amenizará a tarde na cantina. As festas rematarán coas actuación de D’Noche e a discoteca móbil Impacto. Estas festas patronais contan cunha achega da Deputación da Coruña a través do Programa de axudas ao sector das orquestras e verbenas. C.G.