Infraestruturas. Está orzamentada en máis dun millón de euros e terá unha lonxitude de 2,5 quilómetros // Prevén que esté rematada a principios de 2022 // Completará o plan de itinerarios a pé da comarca de Bergantiños TEXTO José M. Ramos

Licitan a senda peonil e ciclista para unir Carballo e Coristanco

Infraestruturas
El Correo Gallego
A conselleira, Ethel Vázquez, segunda á dereita, con Gonzalo Trenor, á dereita; o alcalde de Carballo, terceiro pola dereita, e o rexedor de Coristanco, cuarto pola dereita en primeira fila. Foto: Consellería de Infraestruturas

Carballo e Coristanco estarán unidos no 2022 por unha senda peonil e ciclista de 2,5 quilómetros. Así o confirmou este martes a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, durante a visita á capital de Bergantiños para supervisar a contorna da estrada AC-552 na que se acometerá esta actuación.

Anunciou que xa se convocou a licitación das obras por máis de 1 millón de euros a través da Plataforma de Contratos Públicos, e as empresas interesadas en executar este proxecto teñen de prazo ata o vindeiro 26 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

A responsable de Infraestruturas avanzou que o obxectivo é iniciar os traballos a finais da primavera e telos rematados a principios de 2022, xa que contan cun prazo de execución previsto de 8 meses.

Trátase dun novo itinerario de uso compartido, para peóns e ciclistas non deportivos, que permitirá reforzar e compatibilizar a seguridade viaria de todos os usuarios da estrada, con especial atención aos máis vulnerables.

O novo itinerario terá unha lonxitude de preto de 2,5 quilómetros de lonxitude. Iniciarase á saída de Carballo e rematará no punto no que comezan as beirarrúas do municipio veciño de Coristanco. O proxecto contempla dous treitos, actuando tanto na marxe esquerda da estrada, como polo lado dereito.

Pola marxe esquerda, serán case 1,9 quilómetros de nova senda, que irán desde a saída da capital de Bergantiños ata conectar coa beirarrúa existente no núcleo de Montecelo, xa en Coristanco, continuando a beirarrúa ata o núcleo da capital municipal coristanquesa.

E pola marxe dereita da estrada AC-552, habilitarase unha senda ata as inmediacións da fábrica de Conservas Calvo, de aproximadamente seiscentos metros. Co obxectivo de darlle continuidade ao itinerario sobre o río Grande, executarase tamén unha pequena pasarela adosada ao viaduto existente.

O proxecto tamén prevé traballos de pavimentación, drenaxe de augas pluviais, xunto coa execución dalgúns servizos en previsión de futuras canalizacións de telecomunicacións e alumeado.

A actuación proxectada pola Xunta de Galicia conta tamén coa colaboración do Concello de Carballo, que xa rematou o pasado mes de maio as obras de dotación de servizos urbanos no trazado da futura senda peonil e ciclista da AC-552, entre os puntos quilométricos 32+620 e 34+480.

SERVIZOS. Instalaron canalizacións de electricidade, telecomunicacións, abastecemento de auga, saneamento e alumeado público en ambas marxes da estrada. O investimento ascendeu a un total de 395.335,28 euros.

Agora, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade completará esta actuación municipal coa instalación da rede de augas pluviais, a pavimentación o axardinamento, coa que os veciños e veciñas dos dous municipios poderán ir de Carballo a Coristanco, e viceversa, tanto a pé como en bicicleta por un itinerario seguro e reservado en exclusiva para este tipo de desprazamentos saudables. A Xunta xa construiu outra senda en Carballo á beira da AC-552, desde Bértoa.