Maiores en forma en Carballo

Actividade física
Cibrán Canedo
Xornada de clausura das sesións de exercicio físicos de anos pasados. Foto: Concello de Carballo

O Concello de Carballo retomará en novembro o programa de exercicio físico para maiores, dirixido a persoas de 65 anos en diante que queiran desenvolver un estilo de vida activo e saudable. A actividade estivo paralizada dende o inicio da pandemia, pero a situación sanitaria actual permite recuperala coas imprescindibles medidas de prevención da covid que, segundo o concelleiro de Deportes, Marcos Trigo, influirán na composición dos grupos en función do aforo do local no que se vaia desenvolver. Aínda así poderían participar máis de 800 persoas en total. As que tomaron parte con anterioridade no programa deberán renovar a súa inscrición, ao tempo que se abre a matrícula para novos/as participantes. O prazo está aberto ata o vindeiro 28 de outubro.