Máis de 150 carballeses en loita contra a vespa velutina

Velutina
M.C.
Imaxe da vespa velutina. Foto: fapas.es

Carballo. O Servizo Municipal de Control de Pragas carballés suma xa 154 persoas colaboradoras na loita contra a avespa velutina. Dende que se puxo en marcha a campaña anual de trampeo, foron distribuídas 969 trampas e 670 litros de líquido atraente. Dende o Concello destacan que continúan recibindo peticións, tanto de maneira presencial nas oficinas da empresa concesionaria (rúa Brasil, número 27) coma a través do formulario dispoñible na páxina web municipal.

De xeito paralelo, este ano o executivo local organizou cinco charlas en distintas zonas do concello coa finalidade de achegar a información a toda a poboación. As sesións, nas que participaron 70 persoas, desenvolvéronse nos centros sociais de Sofán, Rus, Lema, Cances e a Escola de Arrabaldes.

O apicultor José Antonio Pereira e o responsable do servizo, Isidro Rodríguez, explicaron “dun xeito moi ameno tanto os prexuízos da avespa asiática para a cría de abellas e a produción de mel como as medidas para previr picaduras ou o xeito de preparar unha trampa caseira, entre outros aspectos”, sinalaron fontes municipais, quenes apuntan que en todas as charlas participou tamén o alcalde, Evencio Ferrero. m. c.