‘Máis de Carballo que o pan’ volve para fomentar o orgullo dos cidadáns

Iniciativa
ARCA
O alcalde coas participantes na iniciativa. Foto: C. C.

Carballo. Isa Bermúdez, Diego Lago, Clara López, Laura Méndez, César Rama, Nerea Rama e Nerea Vilariño súmanse este ano á iniciativa Máis de Carballo que o pan para amosar, a través dunha colección de postais moi creativa, diferentes aspectos que, a nivel particular, elas e eles consideran especialmente representativos do concello, pero que a nivel colectivo “énchennos de orgullo”, indican ao respecto ditos artistas.

Porque fomentar o “carballesismo”, como o definiu unha das participantes, é un dos obxectivos desta nova proposta das áreas de Normalización Lingüística e Mocidade de Carballo, así como seguir poñendo en valor a creatividade local, como se vén facendo dende hai anos a través de proxectos como, por exemplo, Derrubando muros con pintura ou Son Carballo.

Co fondo do skyline da localidade de Carballo, cinco das sete artistas que asinan os deseños desta segunda edición de Máis de Carballo que o pan puideron expoñer os seus puntos de vista e explicar que sentimentos hai detrás de cada unha das postais.

Xunto a elas estiveron o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Normalización Lingüística e Mocidade, Maruxa Suárez, que felicitou ás creadoras polo seu traballo e fixo un convite á mocidade carballesa para que traslade as súas propostas, ideas ou creacións ao Concello, onde as portas sempre están abertas. Nesta ocasión, de feito, volven contar con La Playita Studio para seguir descubrindo talentos. arca