Máis de cen nenos usan o programa larachés para conciliar no verán

Está aberto ata o día 31 de agosto o prazo para solicitar ser beneficiario del durante o curso
Conciliación familiar
Claudina Estévez
Os nenos que participan no programa. Foto: C. A Laracha

A Laracha. O servizo municipal de axuda á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que ofrece o Concello da Laracha durante o verán está a ter un gran éxito de participación, pois conta con 132 usuarios inscritos e unha media diaria de aproximadamente un cento de asistentes.

O programa Harmoniza: Conciliando na Laracha vai dirixido a nenos de entre tres e doce anos de idade e está en funcionamento de luns a venres en horario de 08.00 a 14.00 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo.

Neste verán o Concello asume integramente os custos do servizo, polo que todos os usuarios desfrutan do programa de xeito gratuíto, incluíndo o almorzo, que se sirve entre as 08.00 e as 09.00 horas para aqueles beneficiarios que o solicitaran no momento no que formalizaron a inscrición. Co acompañamento de monitores especializados, cada día os asistentes realizan xogos e actividades lúdicas, educativas e recreativas.

Cabe lembrar que ata o día 31 de agosto permanecerá aberto o prazo para solicitar ser beneficiario do programa Harmoniza: Conciliando na Laracha durante o curso escolar 2022-2023. Ofértase ao alumnado matriculado nos tres colexios do termo municipal (CEIP Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión) para todos os días lectivos a partir das 07.00 horas e ata o inicio da actividade no centro de ensino correspondente.

Segundo as necesidades de conciliación de cada usuario, ofrécense dúas modalidades no servizo: todo o curso escolar (coa posibilidade de escoller mes completo ou días soltos) e a utilización do servizo ocasionalmente. En todos os casos existen as opcións con e sen almorzo. As prazas son limitadas e a normativa así como o modelo de inscrición están dispoñibles na páxina web municipal. C. E.