Malpica propón un amplo programa de Nadal adaptado á actual situación sanitaria

Haberá varias representacións teatrais para as cales será preciso reservar praza // Os nenos e nenas poderán falar cos Reis Magos a distancia
COVID
Redacción WEB
A obra teatral “Lambetadas” da compañía Talía Teatro representarase o vindeiro domingo no Centro Cívico malpicán.

Malpica. O Concello de Malpica presentou hoxe a súa programación de Nadal, adaptada ao contexto sanitario pola COVID. Este ano destacan as actividades culturais, o mercado de Nadal e a iniciativa “Queres falar cos Reis Magos?”.

O programa dará comezo o domingo 20 de decembro coa representación de “Lambetadas” de Talía Teatro. Será no Centro Cívico ás 17:30 horas para todos os públicos. O día seguinte, o 21 de decembro, “O castiñeiro do Apalpador” pasará polo CEIP Joaquín Rodríguez e polo Centro Cívico en horario escolar, para o alumnado de Infantil e Primaria.

O 30 de decembro, “O lobo bobo” de Elefante Elegante será representada no Centro Cívico ás 17:30 horas. Dende o Concello recordan que para as actuacións de teatro deberá reservarse praza no teléfono 981 720 001, debido a que o aforo será limitado.

Ademais, do 30 de decembro ao 5 de xaneiro, poderanse realizar as inscricións para falar cos Reis Magos a distancia, a través do teléfono 641 585 245. A información sobre esta iniciativa pode consultarse en www.nadal2020.es.

Por outra banda, recórdase que xa está aberto o prazo para solicitar un posto no Mercado de Nadal, onde a artesanía será a protagonista ata o 5 de xaneiro.