Moda e decoración creadas a partir de técnicas redeiras

Doce artesás dos portos de Corme, Malpica e Cariño formáronse da man de Rosalía Castro
Artesanía
Jose Manuel Ramos
Unha das participantes no curso para redeiras que se impartiu no Centro de Artesanía de Buño. Foto: F. Artesanía de Galicia

Doce redeiras artesás, que desenvolven a súa actividade nos portos de Cariño, Corme e Malpica de Bergantiños, veñen de formarse no deseño e aplicación das súas técnicas ao sector da moda e complementos da man da deseñadora Rosalía Castro.

A iniciativa enmárcase no proxecto Enredadas, a través do cal a Xunta de Galicia impulsa a formación do colectivo de redeiras galegas co obxectivo de diversificar o seu oficio tradicional.

A partir das técnicas do seu oficio, o ciclo formativo permitiulles coñecer de preto o proceso creativo na moda, así como aprender a experimentar con novos materiais e técnicas co obxectivo de crear coleccións de produtos e de complementos de moda para a súa comercialización.

O curso, que se impartiu no centro de artesanía de Buño (Malpica), remata esta fin de semana, e este sábado as participantes recibiron a visita da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro.

Tamén no marco de Enredadas, no que colaboran a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Consellería do Mar, estase a desenvolver o curso online Xestión Básica da Actividade Comercial. Análise de Produción e Prezos de Venda, deseñado co obxectivo de servir de ferramenta para que as redeiras desenvolvan precisamente esa parte da súa actividade que está enfocada a outros ámbitos. O ciclo formativo, que rematará o 25 de novembro, está impartido polos consultores Pablo López, Tania Aira e Adriana Hermida.

Por outra banda, dende a Fundación Artesanía de Galicia manteñen aberto o prazo de inscrición para o último dos cursos formativos dirixidos ao colectivo das redeiras para este ano 2020.

Trátase do Curso de Iniciación para a Aplicación das Técnicas das Redeiras ao Sector da Decoración, que se desenvolverá os días 21, 22, 28 e 29 de novembro e 5, 11 e 12 de decembro. Como no caso anterior, contarán coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños para o uso das instalacións do Centro de Artesanía e Tradición de Buño.

As interesadas en participar neste curso poden inscribirse a través da páxina web artesaniadegalicia.xunta.gal.

Da formación neste caso encargarase a deseñadora Raquel Sousa, quen ensinará ás redeiras a empregar as técnicas do seu traballo para crear novos produtos vinculados ao fogar, un sector no que a artesanía se atopa en claro crecemento, segundo sinalan dende a fundación.

Subliñan ademais que o proxecto Enredadas “está a abrir novas oportunidades de negocio para estas artesás a través doutros ámbitos, como a moda, os complementos ou a decoración”, e constitúe un exemplo de diversificación dun oficio tradicional.