Multas de ata 10.000 euros por non limpar as parcelas na Laracha

Abertos máis de 200 expedientes para esixir aos propietarios que acometan os traballos
Multas
Jose Manuel Ramos
Parcela particular en Lestón sen xestionar a biomasa. Foto: Concello da Laracha

A Laracha. Atendendo ás disposicións da Lei do Solo de
Galicia, á Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais e a Lei de Montes, o Concello da Laracha tramitou durante este ano máis de 200 expedientes para notificar a necesidade de acometer a limpeza de parcelas privadas aos seus propietarios que, segundo os informes da Policía Local, non cumprían o establecido nas citadas leis.

A aqueles que foron notificados e non acometeron as actuacións oportunas o Concello comezará nos próximos días a impoñerlles multas coercitivas, que poden oscilar entre 1.000 e 10.000 euros, como medio de execución forzosa para que procedan a dar cumprimento das súas obrigas.

Todos os anos, o Concello larachés desenvolve unha campaña informativa entre a veciñanza sobre estas cuestións, con especial incidencia na primavera e no verán por tratarse das épocas de maior crecemento da biomasa, aínda que tamén nos meses restantes levan a cabo actuacións dirixidas a cumprir as condicións de seguridade, hixiene, salubridade e ornato público dos terreos privados.

Aínda que hai casos nos que non son atendidos os requerimentos municipais, o Concello “agradece á veciñanza a súa implicación e sensibilización co mantemento en bo estado de conservación das parcelas privadas, dado que por norma xeral ditos labores se acometen en tempo e sen necesidade de requerimentos previos”, aseguran dende o goberno municipal larachés. M. r. l.