Novas obras de reforma e modernización do mercado de Carballo

Permanece pechado durante o día de hoxe e mañá abrirá, se non hai cambios, no sótano do edificio // Os comerciantes ocuparán este espazo durante un período estimado de 45 días
Obras
Redacción WEB
Instalacións provisionais para o desenvolvemento do mercado. Foto: C. de Carballo.

Carballo. Esta semana comezan as obras de reforma do mercado municipal de abastos de Carballo cunha adaptación das instalacións ás demandas dos comerciantes e clientes, co fin de formar parte da rede de mercados excelentes de Galicia. Deste xeito, os postos do mercado municipal están a ser recolocados no soto do edificio para facilitar o desenvolvemento da mellora das instalacións actuais. As obras foron adxudicadas á empresa Desarrolla Obras y Servicios por 171.989’40 euros. O Concello de Carballo conta cunha subvención do Agader de 50.000 euros.

Salvo imprevistos de última hora, o mercado volverá a abrir as súas portas maña, no emprazamento provisional. O prazo de execución estimado é de 45 días.

Segundo informan dende o goberno local, o obxectivo principal do proxecto é reordenar os postos, crear novos servizos e solucionar algúns dos problemas detectados durante o tempo de uso da instalación. Máis en detalle, as panadarías e a queixería cambiarán de situación coas froiterías, o que permitirá crear tamén novos postos para a comercialización de produtos locais. Ampliaranse tres carnizarías e unha peixería, e crearase unha nova zona de degustación vinculada a un novo establecemento de hostalaría. En canto aos postos exteriores, unificaranse dous do vestíbulo e daráselle acceso directo dende a rúa Gran Vía. Nesa zona tamén se crearán a conserxería-punto de información e unha sala de lactancia. Así mesmo, agrúpanse dous postos da rúa Cervantes para crear unha nova sala de usos múltiples. O soto reformarase para crear catro almacéns con acceso directo ao garaxe. Nesta fase tamén se cambiará o solo, que é unha das principais demandas dos comerciantes actuais.

Na actualidade, o Mercado Municipal ten un índice de ocupación do 50% (4 carnizarías, 6 peixarías, 1 froitería, 3 panadarías, 1 florería, 1 bar, 1 queixería e 2 tendas non alimentarias), porcentaxe que se verá incrementado nos vindeiros meses.