O BNG critica o veto do PP á súa proposta para o servizo de practicaxe

Os nacionalistas pediron máis dotación, xa que din que falta persoal nos portos
Portos
ARCA
Embarcacións fondeadas no porto de Laxe

Carballo. O BNG de Carballo fixo pública a súa crítica ao Partido Popular “que deixou de manifesto na Comisión 8 do Parlamento de Galicia que é un rañas coa seguridade marítima, e que non está disposto a realizar o investimento preciso para garantir a operatividade dos portos e a seguridade das embarcacións e das tripulacións a través dun servizo de practicaxe ben dotado”, aseguran ao respecto dende a formación frentista.

Explican ademais que Portos de Galicia ten tres prácticos para o conxunto dos portos autonómicos: un para Corcubión, Cee, Corme, Laxe e Sada (corredor de Fisterra), a piques de xubilarse; outro para Ribadeo e un terceiro para Cariño, Viveiro e Burela.

“Os prácticos desempeñan un papel vital na seguridade de navegación, dos propios buques, tripulantes, instalacións portuarias e protección do medio ambiente mariño, estando obrigados a estar a disposición da Capitanía Marítima as 24 horas e os 365 días do ano por razóns de emerxencia ou de seguridade marítima”, argumenta o BNG.

Pola súa banda, o PP vetou esta iniciativa argumentando que o servizo está garantido, xa que se podería recorrer, se fose necesario, aos prácticos dos outros portos. arca