O Concello da Laracha colabora de novo coa Confraría de Pescadores

O goberno local vén de concederlle unha axuda de 5.000 euros para axudar nos gastos
Convenio
C.G.
No centro José Manuel López, e a seu lado, José Héctor Morgade, firman o convenio. Foto: C. A Laracha

A Laracha. O Concello da Laracha e a Confraría de Pescadores de Caión renovaron o convenio de colaboración nos mesmos termos que nos anos anteriores. No acto, celebrado na sala de xuntas do concello, participaron o alcalde, José Manuel López; o Patrón Maior de Caión, José Héctor Morgade Carracedo; a edil responsable da área de Turismo, Patricia Bello, e o secretario da Confraría de Pescadores, Camilo García-Puertas.

Dito convenio establece que o Concello da Laracha concede unha subvención nominativa de 5.000 euros coa finalidade de cooperar no financiamento dos gastos derivados da apertura ao público e o mantemento das instalacións (gastos en persoal, limpeza, electricidade, etc.) do Arquivo da Pesca, museo

que é propiedade da Confraría. O Arquivo da Pesca foi creado para pór en valor o rexistro histórico da Confraría, dignificar o oficio dos pescadores e, asemade, divulgar a cultura mariñeira.

Atópase no baixo do inmoble do pósito, no paseo marítimo de Caión, e alberga os fondos do arquivo e unha exposición permanente que percorre a historia e a cultura mariñeira da vila a través da actividade pesqueira. Por medio de documentos, obxectos e paneis pódese coñecer o pasado de Caión, desde os antigos baleeiros ata a época dourada da pesca no s. XX. C.G.