O concello da Laracha e a Xunta aumentan a 35 o número de beneficiarios do programa “Xantar na Casa”
O Concello de Laracha e a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia –a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar- aumentarán o número de usuarias do programa Xantar na Casa no termo municipal da Laracha. A ampliación será de dez prazas para un total de trinta e cinco.
A finalidade de Xantar na Casa é garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades de cada un dos usuarios, que deben ser persoas maiores de 60 anos que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal e que carezan de apoios que puideran suplir tal situación, ou ben calquera persoa, independentemente da súa idade, que sexan dependentes e non teñan apoio familiar para a preparación dos alimentos.
A través deste programa os usuarios reciben os alimentos nos seus domicilios unha vez por semana e, no caso de que non dispoñan deles, tamén se lles facilitarán os medios (microondas e neveira) para poder preparalos cada día dun xeito cómodo e sinxelo.
O servizo é prestado pola Xunta de Galicia a través do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar, sendo subvencionado pola Consellería de Política Social e tamén polo Concello da Laracha. O prezo diario do menú é de 6,27 euros, dos cales o usuario aboa unicamente 1,67 euros (o 26,67%), a mesma cantidade que achega ao Concello e asumindo o Consorcio o 46,66% restante (2,93 euros).
Aquelas persoas que cumpran as características e desexen ser beneficiarias do programa Xantar na Casa poden solicitalo no departamento de servizos sociais do Concello da Laracha, con atención telefónica chamando ao 981612811.