O cribado á poboación larachesa realizarase mediante test de saliva

Serán citadas 5.535 persoas na fraxa de idade de 15 a 65 anos // A recollida dos botes e entrega das mostras levarase a cabo entre o xoves e o sábado no parque empresarial
COVID
Redacción WEB
Realización dun test de antíxenos no cribado masivo en A Coruña, o sábado 30 de xaneiro. Foto: E. Press.

A Laracha. Tal e como xa informara o goberno local, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) realizará á poboación larachesa un cribado masivo mediante test de saliva para a detección do coronavirus. Finalmente, serán citados vía mensaxe de texto os 5.453 cidadáns de idades comprendidas entre os 15 e os 65 anos con tarxeta sanitaria activa no centro de saúde da Laracha (incluído o consultorio de Caión) e que non tivesen unha PCR positiva nos últimos tres meses e que non sexan persoal de residencias.

O sistema de recollida das mostras será realizado por seis equipos de profesionais entre o xoves e o sábado, no polígono industrial da Laracha, concretamente no aparcamento situado na parte posterior do viveiro de empresas. Este edificio utilizarase para a xestión da loxística durante estas xornadas.

As persoas que sexan citadas deberán acudir dúas veces, a primeira para a recollida dos botes e a segunda, para a entrega das mostras. En ambos casos poderá presentarse un único membro da unidade familiar sempre e cando achegue os datos da tarxeta sanitaria e o número de teléfono de cada unha das persoas que foran citadas.

A franxa horaria da citación para a recollida dos botes será o xoves e o venres entre as 8:30 e as 19:30 horas. A entrega das mostras será ben o venres nese mesmo horario ou ben o sábado ata as 14:30 horas.

PROFESORES DOS CENTROS EDUCATIVOS. Tras o diagnóstico de varios casos positivos por COVID entre o alumnado dos centros de ensino do termo municipal, o Concello solicitou que o profesorado tamén fora citado para a realización da proba con independencia do seu lugar de residencia, o que foi aceptado polo Sergas.