O galego gaña terreo nas redes grazas á creatividade e o bo facer dos yotubeiros

Audiovisual galego
J. M. Ramos
Premiados na gala Youtubeiras de Carballo. Foto: Youtubeiras

CARBALLO. Doce concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña sumaron esforzos para fomentar a creación en galego no Youtube con temáticas e formatos diversos, e promover e visibilizar os diferentes perfís dos creadores. O proxecto, bautizado como Youtubeiras, comeza a recoller froitos e premios.

Carballo foi este ano a sede da gala na que foron distinguidos os mellores youtubeiros galegos. Neeumatiko acadou a distinción do xurado ao mellor Youtubeiro, namentres que Bembibre coas Tanxunqueiras, de Xabi Gómez, levou o galardón do público.

Ademais foron galardoados Falemos do Reino de Galicia, pola súa calidade lingüística; A Lobeira Toda, co Premio Rede; Pingando, de Laura Veiga, na categoría de pioneiros; Piratas sen parche por Eduardita, como mellor vídeo; Histérikas Histórikas, como youtubeiras revelación; e Toxío como a mellor canle.

Da calidade e da boa acolida que están a ter as creacións en galego na rede dan conta os datos da edición anterior deste certame. As canles presentadas aglutinaban 2.600 vídeos, máis de 40.000 subscricións e máis de 2.743.000 visualizacións, segundo a coordinadora do proxecto, Carme Pereiro. Trátase, engadiu, “dunha comunidade que nos enche de confianza no futuro e tamén de orgullo, de fachenda”. J. m.