A Bandeira Azul seguirá ondeando no Sendeiro de Saladoiro de Caión

Distinción
Redacción
Sendeiro de Saldoiro, que bordea a praia de Caión. Foto: Concello da Laracha

A Laracha. Un ano máis o Sendeiro de Saldoiro, o tramo do paseo marítimo de Caión de 1,5 quilómetros de distancia que bordea a costa desde a praza Eduardo Vila Fano ata o arroio Figueirido, obtén o galardón de Sendeiro Azul, que outorga a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) para recoñecer o papel das sendas e camiños de acceso ás praias como valiosos recursos para a interpretación ambiental, o desfrute da natureza e a realización de actividades deportivas e de ocio ao aire libre.

En toda España hai 104 Sendeiros Azuis, dos cales 35 son itinerarios galegos pertencentes a 20 concellos diferentes, sete deles na provincia da Coruña.

O acto de entrega das Bandeiras de Sendeiros Azuis celebrarase en Santiago o día 24 de febreiro, estando previsto que o alcalde, José Manuel López Varela, recolla a bandeira que volverá ondear no Sendeiro de Saldoiro por décimo ano consecutivo.

O Concello tamén presentou a ADEAC as candidaturas para que a praia de Caión conte de novo coa Bandeira Azul e para repetir distintivo de Centro Azul de educación ambiental no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar.