Co itinerario peonil e ciclista entre Carballo e Coristanco rematará a primeira fase do plan de sendas comarcal // Estará operativo a finais deste ano // Na Laracha, Ponteceso, Cabana, Malpica e Laxe xa están transitan por elas TEXTO J. M. Ramos

Once quilómetros en Bergantiños para unha mobilidade sostible e saudable

Infraestruturas viarias
Jose Manuel Ramos
A conselleira de Infraestruturas cos alcaldes de Carballo e Coristanco, á dereita. Foto: Xunta de Galicia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, confirmou que o novo itinerario peonil e ciclista que unirá Carballo e Coristanco estará á disposición dos veciños a finais deste ano, cun investimento da Xunta de máis de 1 millón de euros.

Vázquez Mourelle, xunto cos alcaldes de Carballo e de Coristanco, Evencio Ferrero e Juan Carlos García, respectivamente, supervisou o avance dos traballos da nova senda que conectará estes dous municipios, e sinalou que estas obras, que comezaron a finais de abril e teñen un prazo de 8 meses, consisten na execución dun itinerario de uso compartido, para peóns e para ciclistas non deportivos, nas marxes da estrada AC-552.

Para lograr unha convivencia máis harmónica entre todos os usuarios da estrada, proxéctase unha senda de 2,5 km que, desde a saída de Carballo, en dirección a Fisterra, rematará onde se inician as beirarrúas de Coristanco.

A responsable autonómica detallou que se executará un treito de senda pola marxe esquerda, case 1,9 km desde a saída de Carballo ata a beirarrúa de Montecelo, continuando ata o núcleo de Coristanco. Concretou que, pola dereita, se habilitará un tramo de 600 metros que irá ata a fábrica de Calvo. O itinerario contará cun ancho suficiente para garantir desprazamentos cómodos e seguros: 2,5 metros de ancho, sobreelevado sobre a estrada e separado da vía por bordos e unha franxa verde de ancho variable en función do espazo dispoñible.

Tamén se executará unha pequena pasarela para dar continuidade ao itinerario sobre o río Grande, adosada ao viaduto existente para minimizar as afeccións na contorna. Ademais pavimentarase a senda e executaranse obras de drenaxe das augas pluviais e dalgúns servizos en previsión de futuras canalizacións, aínda que o Concello de Carballo xa levou a cabo unha obra de renovación dos servizos, previa á execución do itinerario.

Ethel Vázquez subliñou que esta actuación, cofinanciada con fondos FEDER 2014/2020, supón un fito para a Xunta ao culminar os itinerarios proxectados inicialmente no Plan de Sendas da comarca de Bergantiños, porque os outros 6 previstos nunha primeira fase están xa rematados.

Remarcou que este plan permite poñer á disposición dos veciños 11 km de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe cun investimento de 5 millóns de euros.

Actualmente xa se atopan en servizo os itinerarios que unen A Laracha con Paiosaco, cara o norte, e con Cancelo, en dirección sur; Xornes (Ponteceso) con Buño e Canta la Rana (Malpica de Bergantiños); Neaño e Cabana; Carballo co polígono industrial de Bértoa; e o paseo marítimo de Laxe co centro urbano.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade comprometeuse a seguir traballando en novos proxectos para reforzar a seguridade das estradas, como o itinerario do Couto, en Ponteceso; os de Soesto e Serantes, en Laxe; ou a senda que dará continuidade á visitada este mércores e que chegará ao centro comercial Carrefour de Coristanco. O obxectivo é “facilitar os desprazamentos cotiás, pensando especialmente nos usuarios máis vulnerables”, concluíu a mandataria autonómica.