Os pavillóns da Laracha acollen este ano o festival de teatro infantil do Nadal

A representación de Lambetadas comezou hoxe no do CEIP Otero Pedrayo, onde seguirá mañá, e o xoves terá lugar no do CEIP Alfredo Brañas // Papá Noel entregará máscaras a todo o alumnado e profesorado
Teatro
El Correo Gallego
Papá Noel entrega aos máis pequen@s unha máscara de tela lavable e reutilizable. Foto: C. da Laracha.

A Laracha. Os centros de ensino do Concello da Laracha organizan cada ano un festival de teatro dirixido ao alumnado dos colexios nos días previos as vacacións de Nadal. O lugar habitual era a Casa da Cultura da Laracha pero este ano os espectáculos trasládanse aos pavillóns para dispoñer dun maior espazo e garantir o cumprimento das medidas de distanciamento social, ademais do uso de máscara e xel hidroalcohólico).

Deste xeito, todos os estudantes de primaria do termo municipal –e tamén os de infantil dos CEIPs Alfredo Brañas e Caión- gozarán ao longo desta semana da obra de Talía Teatro titulada Lambetadas.

A estrea foi hoxe no pavillón do CEIP Otero Pedrayo, asistindo o alumnado de 1º e 2º curso dese centro. Mañá haberá dúas funcións no mesmo lugar, sendo a primeira (10:00 horas) para os de 3º e 4º e a segunda (12:00 horas), para os de 5º e 6º.

O xoves, a mesma representación teatral trasladarase ao pavillón do CEIP Alfredo Brañas para ter como público asistente na primeira función (10:00 h) a todo o alumnado do CEIP de Caión e, na segunda (12:00 h), aos estudantes do colexio de Paiosaco.

Ao remate de cada unha das funcións hai unha visita de Papá Noel para facer entrega a cada neno e nena de dúas máscaras infantís de tela, lavables e reutilizables, co escudo do Concello da Laracha gravado. As máscaras tamén se entregarán ao alumnado de educación infantil do CEIP Otero Pedrayo que non asistiu á obra de teatro por decisión do seu profesorado, a todo o persoal dos tres colexios e ao alumnado e comunidade educativa do IES Agra de Leborís.