Os veciños de Goiáns piden melloras na estrada ao seu paso por Xoane

Mantenimiento de infraestructuras
C.C.
Estrada AC-414 ao seu paso polas proximidades da localidade de Xoane, en Carballo. Foto: GM

Carballo. O mal estado da estrada AC-414 ao seu paso por Xoane é a gran preocupación da veciñanza de Goiáns, e así o trasladou na reunión do Consello Parroquial na que participaron máis de 20 persoas. Despois de presentar distintas peticións e de coñecer de primeira man o proxecto do Centro Social, que está en contratación, os asistentes á xuntanza reservaron para o final ese tema, que foi o que suscitou máis debate.

Os veciños están dispostos a tomar as medidas precisas para ser escoitados pola Xunta, titular da vía, e o primeiro paso será a solicitude, a través do Concello de Carballo, dunha reunión cos responsables da Consellería de Infaestruturas para facerlles chegar as súas demandas, que teñen que ver tanto co arranxo da vía como coa implantación de medidas de seguridade.

Por parte do goberno municipal tense manifestado en repetidas ocasións a disposición do Concello de Carballo a participar no financiamento dunha actuación de mellora integral da vía, asumindo a titularidade da mesma cando rematen as obras. Evencio Ferrero considera que unha solución axeitada para ese treito podería ser unha senda ciclopeonil. c.c.