‘Outono de contos’ nas bibliotecas da Laracha

Contacontos
Jose Manuel Ramos
Trinke Trinke Teatro visitará o día 30 a biblioteca de Caión. Foto: Concello de Zas

A Laracha. O Concello larachés porá en marcha esta semana unha nova edición do Outono de contos, que pretende o triplo obxectivo de ofrecer aos nenos e nenas unha alternativa divertida para o seu tempo de ocio, favorecer a conciliación da vida persoal e laboral dos seus pais e, como aspecto central, fomentar tamén a lectura entre os máis pequenos da casa.

Serán dez espectáculos teatralizados que se desenvolverán nas tres bibliotecas municipais. O ciclo comezará na de Paiosaco o martes, día 22, con Maxia de aquí e de acolá, con Dani Méndez. O venres, día 25, a compañía Teatro Calavera presentará na Laracha Os contos da bruxa Chispún, e o día 30 Trinke Teatro levará a Caión O coelliño branco. As seguintes sesións serán no mes de outubro.

O Concello conta coa colaboración da Xunta de Galicia no marco do programa de dinamización da lectura Ler conta moito. Dos dez espectáculos, nove van dirixidos a nenos a partir dos 4 anos e comezarán ás 18.00 horas e un deles (o catro de outubro) é un contaconto para bebés que principiará ás 12.00. J. L.