Presentación de “Amar non ten laranxas” de Paco Souto, en Malpica

Será o sábado no Centro Cívico, ás 20:00 horas // Os asistentes presenciarán unha lectura teatralizada do libro
Cultura
Redacción WEB
Centro Cívico de Malpica. Foto: C. de Malpica.

Malpica. O vindeiro sábado 3 de abril terá lugar a presentación da obra ‘Amar non ten laranxas’, de Paco Souto, no Centro Cívico de Malpica. Ao longo do acto, que comezará ás 20:00 horas, realizarase unha lectura teatralizada do libro, unha reedición póstuma dun dos seus primeiros traballos como autor.

A primeira versión do traballo foi editada en torno a finais dos anos 80 do século pasado na Escola Dramática Galega. Durante os últimos anos realizouse un labor de recolección dos cadernos que compoñían a obra e que agora se reúnen nesta nova edición.

O aforo á actividade estará limitado polo que as persoas interesadas en acudir deben comunicalo previamente ao Departamento de Cultura.

Dende o executivo local recordan hoxe a Paco Souto, día no que se cumpren catro anos desde o seu pasamento. Apaixonado da poesía, o teatro e a cultura, Paco Souto foi concelleiro en Malpica desde o 2015 ata o 2017.