Protección Civil de Carballo retira un vertido de planchas vellas de fibrocemento no enclave de Furna Furada

Dende o Concello solicitan a colaboración da veciñanza para dar cos responsables
Tratamiento de residuos
Redacción WEB
Retirada de residuos en Furna Furada. Foto: C. de Carballo.

Carballo. Fai un par de semanas atopáronse tiradas unhas planchas vellas de fibrocemento en Furna Furada, na parroquia carballesa de Rebordelos. Isto obrigou a que membros de Protección Civil Carballo, co apoio dun trator, tiveran que acceder ao lugar para retiralas con todas as medidas de seguridade. Agora, un xestor autorizado encargarase de que os residuos reciban o tratamento axeitado.

Dende o Concello de Carballo solicitan a colaboración da veciñanza para tratar de localizar ás persoas responsables e así formular a denuncia correspondente. “Estamos moi orgullosos do noso litoral en xeral, e deste singular enclave da parroquia de Rebordelos en particular, que polo que se ve, alguén pretende convertelo nun vertedoiro”, comunicaron.

A este respecto, dende o goberno local lembran que a nova Lei de residuos e solos contaminados de Galicia, aprobada a semana pasada polo Parlamento galego, define como unha sanción moi grave “o abandono, vertido ou eliminación incontrolada de residuos perigosos” e establece sancións económicas que van dende os 45.001 ata os 1.750.000 euros.