Reformas no mercado de Carballo atendendo ás necesidades actuais

Reordenarán os postos e crearán o servizo de conserxería e salas de lactancia e formación
Jose Manuel Ramos
Mercado municipal de Carballo. Foto: Concello de Carballo

Carballo. A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou na súa última xuntanza o inicio do expediente de contratación da primeira fase do proxecto de reforma do mercado municipal, coa finalidade de revitalizar a tradicional praza de abastos de acordo coas demandas da sociedade actual, e buscar usos alternativos de cara ás novas concesións, xa que a maioría das existentes están caducadas.

Atendendo ás demandas dos actuais concesionarios redistribuirán os postos, cambiarán o pavimento da sala de vendas e reorganizarán os almacéns do semisoto. Ademais, nos postos exteriores crearán novos servizos, como conserxería e salas de lactancia e de formación.

O investimento acada o 305.000 euros, incluíndo a instalación dun ascensor nunha segunda fase. O Concello conta cunha subvención de Agader de 50.000 €.

Nestes momentos o mercado municipal ten un índice de ocupación do 50% (4 carnizarías, 6 peixarías, 1 froitería, 3 panadarías, 1 florería, 1 bar, 1 queixería e 2 tendas non alimentarias) e unha oferta baseada na calidade dos produtos de proximidade, “dúas características que xogan ao noso favor, xunto coas feiras e mercados dos xoves e domingo, e que queremos aproveitar para relanzar a praza con este novo proxecto”, sinalan desde o goberno local. j. M. r.