Remata a instalación de trampas para velutinas en espazos públicos de Cabana

Foron un total de 80 dispositivos // Agora o Concello encárgase do seu reparto entre a veciñanza
Velutina
Redacción WEB
Trampa contra as velutinas. Foto: cedida.

Cabana de Bergantiños. O Concello de Cabana de Bergantiños vén de rematar a instalación de 80 trampas contra a avespa velutina nos espazos públicos municipais. Dentro da campaña de loita contra a praga, o municipio trata de reforzar os puntos máis sensibles de concentración de niños, como son a contorna do CPI As Revoltas, os parques infantís ou as zonas verdes. O vindeiro 30 de marzo realizarase o primeiro reconto de raíñas capturadas para valorar a efectividade da iniciativa.

Por outra banda, o Concello comezou a distribución de trampas e líquido atraínte de insectos entre as persoas que xa fixeron a súa solicitude. A cada veciño ou veciña correspóndelle un dispositivo e un litro de líquido que poderá renovar de xeito gratuíto. O persoal da Policía Local encárgase da entrega a domicilio deste paquete de obxectos, que deben instalarse en zonas próximas a antigos niños ou a flores, especialmente camelias.

As persoas interesadas en unirse á campaña de trampeo poderán facelo ata o 31 de maio a través da páxina web do Concello, www.cabana.gal. Deberase comunicar o número de velutinas capturadas cada 15 días para poder controlar a evolución do programa.