Remata mañá o prazo para solicitar a tarxeta “Sempre Carballo”

Hai de marxe ata o 30 de novembro para consumir o saldo do bono // As solicitudes superan as 18.000
Comercio local
Redacción WEB
Tarxeta “Sempre Carballo” con trinta euros para gastar no comercio local.

Carballo. Mañá domingo é o último día para tramitar a tarxeta-bono “Sempre Carballo”. O Concello xa recibiu máis de 18.000 solicitudes. As persoas interesadas só teñen que entrar en semprecarballo.gal e cubrir o sinxelo formulario que aparece nesta páxina web. É moi importante revisar ben os datos antes de envialos.

As tarxetas serán enviadas nos vindeiros días xunto cunha carta que se debe conservar, xa que inclúe as claves persoais e as instrucións necesarias para activar a tarxeta.

A tarxeta “Sempre Carballo”, que ten un saldo de 30 euros, entregarase de balde a todas as persoas maiores de idade e con residencia no noso concello (a data de empadroamento debe ser anterior ao 31 de xullo deste ano) que a soliciten. Os 30 euros poderán consumirse ata o 30 de novembro nos 262 establecementos adheridos. Esta relación pode consultarse tamén en semprecarballo.gal.