CONTIDOS DIXITAIS. Do 18 ao 21 de novembro celebrarase unha edición híbrida do festival // Ofrecerá o ‘Necroshow’ de Lorena Iglesias, ‘Estirando el chicle’ de Living Postureo e Percebesygrelos // Conxugará o directo co streaming TEXTO M. Lavandeira

Repaso ás comedias femininas no sétimo Carballo Interplay

Audiovisual
El Correo Gallego
Marta Salicrú, directora de Radio Primavera Sound, conversará na capital de Bergantiños sobre a importancia de manter na rede unha radio feminista, diversa, aberta e disidente. Foto: Carballo Interplay

O VII Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay celebrará do 18 ao 21 de novembro unha versión híbrida atendendo ás restriccións sanitarias, e ofrecerá ao vivo e por streaming un completo repaso polas barricadas da comedia feminina, cun menú degustación de shows pensados, dirixidos e protagonizados por mulleres que desenvolveron os seus traballos desde a resistencia e desde internet, en distintos formatos e plataformas.

O público desta sétima edición poderá coñecer de primeira man a proposta cómica da amesá afincada en Madrid, Lorena Iglesias, unha actriz, guionista e youtuber marxinal que participa en programas de radio e colabora en eventos feministas. Desenvolve tamén na Academia de Cinema a serie Milennials mal. Traerá a Carballo o seu Necroshow, un show de humor semanal dunha hora de duración con vídeos, música urbana en vivo, ASMR e stand-up que saca o seu nome dunha frase de Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid, sobre a exhumación de Franco.

Ademais, o Carballo Interplay ofrecerá a oportunidade de participar, ao vivo ou por streaming, no podcast semanal de Carolina Iglesias e Victoria Martín, Estirando el chicle. A primeira é unha guionista, cómica e presentadora coruñesa que se deu a coñecer no Chat de Operación Triunfo e colaborando en Yu (Los 40) e La Hora Youtuber de Vodafone Yu. Coñecida en internet coma Percebesygrelos, hai uns anos visitou o festival para falar da súa canle de Youtube e das súas paixóns: a cultura pop, Galicia e Eurovisión.

Volve á capital de Bergantiños acompañada pola xornalista, guionista e colaboradora de televisión e radio Victoria Martín de la Cova, co-creadora e presentadora da canle de Youtube Living Postureo, e do programa Flooxer, Neox e Europa FM Problemas del Primer Mundo. Tamén colabora en Yu No Te Pierdas Nada e traballou como guionista para La Resistencia, de David Broncano; como colaboradora para Las Que Faltaban, de Movistar+, e participou en diferentes formatos na canle Comedy Central.

Lorena Iglesias, Victoria Martín e Carolina Iglesias ofrecerán os seus shows o venres 20 pola tarde e o sábado 21 pola mañá falarán con Sara García, máis coñecida como PennyJay, sobre por que custa asumir que as mulleres son tan graciosas coma os homes.

O Carballo Interplay completará o seu percorrido pola internet máis feminista, diversa, aberta e disidente dirixindo a súa ollada ao proxecto Radio Primavera Sound e ao seu show Ciberlocutorio, un podcast en directo presentado polas xornalistas Anna Pacheco e Andrea Gumes, que contarán nesta ocasión cun convidado de excepción: Brays Efe.

Tamén estará no Interplay a directora de Radio Primavera Sound, Marta Salicrú, unha xornalista musical con 15 anos de experiencia que participou como relatora en eventos internacionais como Eurosonic Noorderslag (ESNS), Primaver Pro, M for Montreal and MIL ou Lisbon International Music Network, e que en Carballo conversará sobre a importancia de impulsar e manter na rede unha radio feminista, diversa, aberta e disidente.

Por outra banda, Marina Amores, “Blissy”, directora da serie Nerfeadas, e Minia “Samku” Monteagudo, comentarista e divulgadora de eSports, falarán sobre os videoxogos como unha das industrias máis innovadoras pero que, en termos de igualdade, diversidade e inclusión, están moi atrasados con respecto a outras industrial culturais. Explicarán por que sucede isto.