Reunión entre o alcalde e os profesionais do sector do taxi da Laracha

Na xuntanza, celebrada esta mañá, analizouse o funcionamento do servizo e plantexáronse propostas para melloralo // Proximamente iniciaranse as obras de transformación da parada destes vehículos
Transporte
El Correo Gallego
Reunión dos taxistas co alcalde e coa concelleira de Promoción Económica da Laracha. Foto: Concello da Laracha.

A Laracha. O alcalde, José Manuel López Varela, e a edil de Promoción Económica, Rocío López, mantiveron hoxe unha reunión no Concello cos profesionais do sector do taxi á que se convidou a asistir a todos os titulares de licencias municipais.

Na xuntanza tratáronse cuestións relativas ao funcionamento do servizo e expuxéronse ideas para melloralo en beneficio tanto dos usuarios como dos profesionais do sector.

O rexedor municipal aproveitou o encontro para anunciar que en próximas datas se iniciarán as obras coas que se transformará a parada de taxis da Laracha para mellorar a accesibilidade nese ámbito. Actualmente as prazas de estacionamento están marcadas en diagonal entre a zona de circulación e unha beirarrúa dun metro de amplitude que dá acceso á praza do Concello. O proxecto contempla recolocalas para realizar o aparcamento en liña, gañándose así un espazo que permitirá ampliar a beirarrúa ata o dobre da anchura actual e separar a parada do ámbito de circulación. A obra será financiada integramente con fondos propios municipais.

Ademais, o Concello tamén creará unha nova marquesiña xunto á parada para aumentar a comodidade dos usuarios que agardan e tamén dos taxistas que atenden as chamadas telefónicas.

Este tipo de reunións realizaranse cunha periodicidade de catro meses co propósito de continuar mellorando o servizo.